No século XV este predio foi habilitado como "granxa" e desta época conserva o pombal ameado de planta circular.
No século XIX pertenceu a Buenaventura Marcó del Pont, despois de que llo mercase aos herdeiros de Francisco Genaro Ángel, irmán da súa muller. Foise logo adaptando aos tempos e converteuse en casa residencial e lugar de veraneo, cando residiu nela Eugenio Montero Ríos.
A Deputación de Pontevedra adquiriuno a comezos da década de 1940, comprándollo á Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra e (unha quinta parte) á marquesa viúva de Alhucema. En 1943 cedeullo ao Ministerio de Educación para o seu uso como Centro Rexional de Ensinanzas, Investigacións e Experiencias Forestais; en 1946 converteuse en Escola Técnica Superior de Montes. Actualmente está integrado na estrutura do Centro de Desenvolvemento Sustentábel da Consellería de Medio Ambiente. O Centro de Investigacións Ambientais e Forestais de Lourizán ten por obxectivos principais a protección, conservación e mellora do patrimonio forestal de Galiza.
O edificio do pazo é de aire romántico e foi obra de Genaro de la Fuente Domínguez. É de grande tamaño, elegante e maxestoso. Accédese por unha escaleira de pedra de corte imperial custodiada por estatuas que representan virtudes, valores e devocións. A parte central está realzada por un brasón e un reloxo, no lugar do escudo que locen os pazos galegos. Na parte inferior hai un balcón e unha terraza que fai de miradoiro e embaixo unha gruta escondida tras as ramaxes.
Accédese ao interior a través dunha porta sinxela que ten impresas no vidro as as iniciais maiúsculas dos seus antigos donos, "E e A", "Eugenio e Avelina". O edificio conta con dúas ás laterais, máis lixeiras. As columnas, os balcóns e os ornamentos mostran recursos clacisistas. Na parte superior, unha terraza ocupa unha extensión importante.
O pazo conta con 54 hectáreas de xardín, leira e arboredo, que mostran os distintos usos aos que se dedicou durante os séculos: granxa, xardín señorial e centro de investigacións forestais.
Medran nel numerosas árbores autóctonas como carballos, castiñeiros e bidueiros, pradairos e foráneas, como ciprestes, araucarias, cedros, magnolias ou alfaneiros, moitas delas traídas por xardineiros franceses. Varias destas árbores aparecen no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galiza.
Decórase con hórreos, un pombal, un invernadoiro de vidro de estrutura férrea, unha mesa de granito dunha peza (disque extraída dun penedo da Illa de Tambo, estatuas de mármore branco etc., e varias fontes, como a da Cuncha, a dos Tres Canos, a do Patio e a da Gruta dos Espellos. Organízase en avenidas, a das Camelias, a dos Eucaliptos e a da Gruta dos Espellos.